4000 cartas enviará o Concello de Caldas ós veciños pola paralización do Centro de Saúde

CALDAS> O Concello de Caldas remitirá ós veciños unha copia da carta enviada ó Conselleiro de Sanidade. Queren mostrar á vila que a demora do Centro de Saúde é culpa da Xunta. Xa son dez anos esperando por unha solución.

Dende hai dez anos o Concello de Caldas busca unha solución para a construción do novo Centro de Saúde. Ante os continuos rexeitamentos da Xunta o goberno local non atopa máis solucións e por iso séntese obrigado a comunicarlle ós veciños todas as propostas que levou ó SERGAS e que foron rexeitadas.

Ata sete propostas foron rexeitadas por sanidade e só unha delas podería ser adecuada pero emendando unha serie de dificultades. O rexedor solicitará entrevista ó xerente do Sergas para indicarlle que o concello atópase nunha boa situación económica e que están dispostos a mercar e adaptar a finca que eles escollan pero que non o farán sen un compromiso firme de que o proxecto se levará a cabo.

A falta dun novo centro médico está provocando o colapso no centro actual de Caldas, no que faltan servizos e especialistas. O alcalde opina que os motivos que lle dan para rexeitar as propostas son escusas xa que non e un problema só do Concello de Caldas, senón que para a Xunta a sanidade non é algo prioritario.