Caldas lanza un Plan de Mobilidade para os vindeiros 20 anos

CALDAS> Caldas traballa xa no seu primeiro plan de mobilidade. O estudo pretende ser unha radiografía do fluxo de tráfico rodado e peóns na vila. O documento pretende servir para a mellora da mobilidade no Concello durante os vindeiros vinte anos. Tanto veciños como usuarios habituais da vila poden participar xa nunha enquisa-web para amosa-la súa opinión sobre como lles gustaría que fose o Caldas do futuro.

O Concello de Caldas traballa xa na redacción do seu primeiro plan de mobilidade. O estudo pretende analiza-los movementos do tráfico rodado na vila e a súa relación cos peóns. Tamén contempla estuda-lo volume bicicletas ou patíns que empregan acotío as vías da localidade.

Para iso, lanzouse xa unha enquisa-web na que os veciños e usuarios de Caldas poidan aporta-la súa opinión, a través de planmobilidade.com/caldas. Vai haber tamén enquisas a pé de rúa, unha Asemblea aberta o vindeiro 16 de xaneiro e tamén medicións de tráfico. O plan de mobilidade pretende ser útil para a vila durante os vindeiros 20 anos.

O plan busca a mellora do espazo público e, polo tanto, un incremento na calidade de vida das persoas. Dende o Concello, con todo, salientan a complexidade que implica pensar nun proxecto de peonalización do casco urbano, tendo en conta que está atravesado por dúas estradas de gran fluxo. Así e todo, insisten na necesidade de que a xente teña máis lugares polos que poder camiñar sen a presenza de vehículos.