PONTEVEDRA> Pontevedra comeza a substituír os colectores de lixo de todo o municipio. O cambio comezará cos de cor azul, os destinados á recollida de papel e cartón. Son case 500 os que se repartirán polo concello, comezando esta mesma semana pola rúa San Mauro. En total, está prevista a instalación de 4.000 colectores novos.
Estes colectores de lixo teñen os días contados nas rúas de Pontevedra. O concello inicia esta semana a substitución dos actuais por un modelo novo. Os primeiros en mudar serán os de cor azul, destinados ao papel e ao cartón.
O cambio comezará pola rúa San Mauro, prolongarase ao redor de cinco semanas e repartiranse preto de 500 contentores. Os seguintes que se mudarán serán os amarelos, para plástico, briks e latas. Seguiranlle os grises, os verdes do vidro e, finalmente, os marróns para a compostaxe.
A capacidade dos novos colectores oscila entre os 2.800 e os 2.900 litros. Tamén son máis baixos para mellorar a accesibilidade e evitar interferencias en pasos de peóns.
Trala instalación dos novos colectores, o concello iniciará unha campaña de sensibilización, así como campañas informativas e formativas, para conseguir a complicidade da cidadanía.











