Caldas, Vilagarcía e Ribadumia terán aparcadoiros disuasorios para fomentar o uso do vehículo compartido

CALDAS> Caldas, Vilagarcía e Ribadumia contarán con aparcadoiros disuasorios para o fomento do vehículo compartido. A Xunta vai crear tres áreas de estacionamento en zonas que, a día de hoxe, xa se usan para deixa-los vehículos. É o caso, por exemplo, do que se vai crear en Saiar, na rotonda próxima á entrada da autoestrada. En Vilagarcía crearase na contorna de Fontecarmoa e en Ribadumia preto do inicio da ruta da Pedra e da Auga.

É unha imaxe habitual nesta zona de Saiar, en Caldas. Moitos optan por deixar aquí estacionados os seus coches para compartir vehículo con compañeiros de traballo ou de estudos. A súa proximidade ao acceso da autoestrada fai que, na práctica, a zona sirva de estacionamento disuario. Agora, a Xunta anuncia a expropiación desta parcela para a construción dun aparcadoiro que permita aos condutores deixa-los seus coches un espazo axeitado.

Ademais, o goberno galego contempla a construción doutros dous aparcadoiros deste tipo nos concellos de Vilagarcía e de Ribadumia.

En total, estas tres bolsas de estacionamento suman máis de 200 prazas, contando as destinadas a persoas con mobilidade reducida. Tamén puntos de recarga de coches eléctricos.

Hoxe saíu a información pública o proxecto destes tres aparcadoiros que, segundo calcula o delegado, estarán rematados xa o ano que vén.

O obxectivo final: que ademais dos que xa poñen en práctica o uso de vehículos compartidos, a creación destes espazos sirva tamén para que máis persoas se animen a deixa-lo seu coche aquí e compartan gastos entre varios usuarios.