A Deputación da Coruña pon en valor a riqueza patrimonial da provincia

RIBEIRA> A Deputación da Coruña desenvolverá entre o 30 de setembro e o 5 de outubro as Xornadas Europeas sobre Patrimonio. O programa presentouse esta mañá en Ribeira, concretamente na antiga nave de Conservas Cerqueira, que acollerá unha das visitas guiadas nesta segunda edición.

Co gallo da celebración dos Días Europeos do Patrimonio, a Deputación da Coruña volverá poñer en marcha unha serie da actividades entre o 30 de setembro e o 5 de outubro. Nesta segunda edición, as Xornadas Europeas do Patrimonio buscan recuperar o patrimonio arquitectónico do pasado pero con visión de futuro.

A nave de Conservas Cerqueira en Ribeira, onde esta mañá se presentou o programa, será un dos elementos patrimoniais a visitar xunto con outros espazos de especial interese como as Minas de San Finx en Lousame ou a Central Hidroeléctrica do Tambre en Noia.

Ademais das visitas guiadas, desenvolveranse obradoiros e actividades para nenos tanto no Pazo de Mariñán como en diversos espazos patrimoniais da provincia.

Os interesados en participar nestas xornadas poderán inscribirse a través dun formulario colgado na web da Deputación da Coruña a partir do próximo luns ás 12.