A CIG denuncia falta de persoal no servizo de limpeza do hospital do Barbanza

RIBEIRA> A CIG denuncia deficiencias no servizo de limpeza do hospital do Barbanza. No último concurso para contratar o servizo reduciuse o persoal na quenda de noite que conta con tan só un traballador. Insisten ademais, dende o sindicato, en que non se cobren as baixas nin as excedencias.

O principal problema que denuncia a CIG é a falla de persoal posto que na última convocatoria adxudicouse o servizo con só un traballador na quenda de noite. Ademais da limpeza das zonas comúns, a persoa que está de noite ten que atender as necesidades urxentes de todo o centro como a limpeza do paridoiro, quirófano e incidencias nas plantas e en urxencias. No caso de que un paciente faleza en planta, o limpador de noite debe tamén asumir a limpeza desa habitación e o traslado do falecido ó tanatorio do hospital.

Pero a falta de persoal na quenda de noite non é o único problema que denuncian as delegadas sindicais. Din que a empresa adxudicataria incumpre sistematicamente as condicións do prego posto que non cobren a súa totalidade as baixas ou excedencias do persoal o que implica problemas de limpeza tamén nas quendas de mañá e tarde.

Por estas razóns, dende a CIG esixen a cobertura do cen por cento das ausencias do persoal, a incorporación dun traballador máis na queda nocturna e a busca dunha alternativa para o traslado dos falecidos ó tanatorio que non debería ser asumido polo persoal de limpeza.Lembran que a axeitada limpeza do centro é básica para prestar unha asistencia sanitaria de calidade.

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí