RIANXO> A voceira do BNG desprazouse ata Rianxo para manter unha xuntanza con representantes da ANPA e da comunidade educativa do CEIP Ana María Diéguez de Asados e interesarse pola súa problemática. Pontón pedíulle á Xunta que cambie as ameazas por solucións, e dunha vez dote ó centro dos tres profesores que precisa, favorecendo así unha educación de garantías para os nenos con necesidades educativas especiais.
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, reuniuse con representantes da ANPA e da comunidade educativa do CEIP Ana María Diéguez de Asados, ós que trasladou o seu apoio nas súas reivindicacións de cara a conseguir unha mellor atención para os nenos con necesidades específicas, ós que, segundo ela, a consellería de Educación lles nega o profesorado que precisan de Pedagoxía Terapéutica e Audición e Linguaxe. Por esta razón emprazou á Xunta, e por extensión á consellería de Educación a deixar de lado as ameazas e a aportar solucións para que o alumnado con necesidades educativas especiais reciba a atención que precisa e á que ten dereito.
Dende a ANPA agradeceron o apoio do BNG e o feito de terse interesado pola súa problemática e presentar unha iniciativa no Parlamento que abordar a súa situación. Dende a entidade din que seguirán pelexando para reivindficar os recursos dos que carecen na actualidade.











