O PSOE reclamará no pleno que a Xunta amplíe o número de prazas concertadas na residencia de Amencer-Aspace

PONTEVEDRA> O Partido Socialista de Pontevedra reclama á Xunta de Galicia que amplíe o número de prazas concertadas na residencia que Amencer-Aspace ten na cidade. O compromiso anunciado o día da inauguración do centro falaba dun concerto de 21 prazas. Actualmente son 12, cuxos prezos, ademais, non están actualizados. Segundo os socialistas, cubrir este déficit de 300 euros por praza está a levar a Amencer a unha asfixia económica. Unha situación que o PSOE levará ao vindeiro pleno.

O Partido Socialista de Pontevedra reclama á Xunta que cumpra os seus compromisos coa residencia que Amencer-Aspace ten na cidade. Das 32 prazas que ten o centro, só 12 contan actualmente cun concerto co goberno autonómico.

Puentes apuntou que para este tipo de centros, a súa viabilidade vén unida ao convenio de prazas coa Xunta. E recordou que na inauguración da residencia en setembro do ano pasado o propio presidente autonómico Alfonso Rueda comprometérase a ampliar o concerto inicial de 12 prazas ata as 21.

Agrava estas dificultades a actualización do convenio colectivo dos traballadores de atención a persoas con discapacidade. Supuxo un incremento do 10% no seu salario base que a Xunta non contemplou no seu concerto. Por iso, os socialistas levarán esta situación ao pleno municipal.

A denuncia chegará tamén ao Parlamento galego a través dunha proposición non de lei rexistrada pola deputada socialista Paloma Castro.