NOIA> Esta mañá comezou a descarga dos bonos da campaña da Deputación da Coruña ‘MercaNaVila’, coa que o organismo provincial busca a dinamización comercial en tódolos concellos da provincia de menos de 20 mil habitantes.
O presidente da institución provincial, Valentín González Formoso, visitaba en Noia varios dos comercios que se sumaron á iniciativa para coñecer de primeira man as súas impresións e animar ós consumidores a descargar os bonos e mercar no comercio local.
Dende os concellos da zona agradeceron esta iniciativa da Deputación, que vai a ter un impacto grande nun sector como é o comercio, cun peso importante nas economías locais.
A campaña conta cun orzamento de 6 millóns de euros, cos que se prevé mobilizar preto de 25 millóns de euros en vendas.
Os bonos de desconto xa se poden descargar na web mercanavila.gal.
Serán un máximo de 100 euros por persoa, que poderán aplicar descontos automáticos de entre 5 e 15 euros en función do importe de cada compra, sempre que se realicen nos establecementos adheridos ó programa.
Os descontos estarán dispoñibles ata o 20 de novembro ou ben ata que se esgote o orzamento dispoñible.











