Meusviños segue gañando seareiros

MEIS> Meis despediuse este domingo dunha exitosa edición de Meusviños. As xornadas de autopromoción vitivinícola celebraron o seu sexto aniversario consolidadas como unha cita imprescindible no municipio. A resposta do público foi tal que a organización esgotou as 2.500 copas que tiña dispoñibles xa o sábado. Na cita, tamén destacou este ano o irmandamento co concello asturiano de Cangas del Narcea. O seu alcalde participaba tamén nas xornadas, inauguradas este ano polo presidente de Martín Códax.

As 2.500 copas rotuladas coas que contaba o concello de Meis para esta sexta edición de Meusviños esgotáronse o sábado. Isto dá boa mostra do éxito que tiveron estas xornadas de autopromoción do sector vitivinícola. Unha cita que arrancaba o pasado venres co pregón a cargo do presidente de Martín Códax.

Na súa intervención destacou a importancia do sector vitivinícola para Meis.

A alcaldesa de Meis destacou que Meusviños está consolidada como unha cita máis na comarca para a promoción do sector, marcando a diferenza co resto de eventos de exaltación da viticultura.

A edición deste ano foi tamén moi especial, co irmandamento do municipio co concello asturiano de Cangas del Narcea.

O alcalde deste municipio asturiano tamén asistiu a Meusviños coa man tendida para darlle continuidade a esta unión entre as vilas.

Na xornada inaugural tamén estivo presente a Denominación de Orixe Rías Baixas e a Deputación de Pontevedra, como colaboradoras.

Ademais da exaltación do viño, esta sexta edición contou cunha completa programación paralela, cun showcooking e distintas actuacións musicais.