PONTEVEDRA> A Deputación de Pontevedra xa ten listos os orzamentos para o vindeiro ano. Nas contas do 2026, a administración provincial contará con 238,6 millóns de euros, unha contía récord e que supoñen un 13,6% máis que no exercicio deste 2025. Estes orzamentos, que son os terceiros da Deputación con Luis López como presidente, entrarán en vigor o 1 de xaneiro de 2026 e, segundo López, son froito da estabilidade política.
A Deputación de Pontevedra comezará o 2026 con novos orzamentos. O seu presidente presentou hoxe estas contas, que entrarán en vigor o 1 de xaneiro. Son case 239 millóns de euros, un 13,6% máis que no exercicio do 2025.
Estas son os terceiros orzamentos de Luis López como presidente provincial. Destacou o apoio que se presta un ano máis aos concellos. Nas contas resérvanse 50 millóns de euros para o plan +Provincia. Ademais, fóra deste orzamento contarán con 35 millóns de euros dun novo Plan Extra e con 8 millóns do Plan de Infraestruturas Deportivas.
O deporte continuará a ser un dos piares do goberno de López no 2026. Os fondos para este departamento ascenden nun 35%, ata os 8,6 millóns de euros. Tamén medran os cartos destinados ao turismo un 17%, ata chegar aos 7 millóns. O epígrafe para Cultura sitúase nos 5,7 millóns e Benestar sube ata os 7,6 millóns. A área de Infraestruturas contará no 2026 con 38 millóns de euros, un 56% máis, mentres que tamén se incrementan os fondos para o fomento do emprego.
López recordou tamén que hai unhas semanas o goberno decidiu amortizar os 19,5 millóns de euros de débeda que a Deputación tiña dende o 2021 polo Plan REACPON. Medida que deixa á administración provincial tecnicamente en débeda cero. Con estes datos, o presidente provincial reivindicou a boa xestión do seu equipo.











