PONTEVEDRA> A próxima xuntanza da mesa de diálogo de Ence será ‘axiña’. Así o avanza, cando menos, a subdelegada do goberno en Pontevedra. Maica Larriba dá por morta a opción de adscribi-los terreos de Lourizán ao porto de Marín. Unha vía que para a Xunta si pode ter percorrido. O goberno galego está á espera da resposta do Consello Consultivo, a onde xa remitiu esa proposta.
Será axiña, pero aínda sen data concreta. A convocatoria da nova reunión da mesa de diálogo de Ence resístese, o que está a xera-lo malestar entre os traballadores. Dende o goberno central avanzan que ese encontro está a piques de producirse.
A subdelagada do goberno descarta a opción de que os terreos que ocupa a pasteira en Lourizán poidan adscribirse ao Porto de Marín. Di que é unha via que xa se contemplou no seu día e que xa non ten máis percorrido.
Pero para a Xunta, esa posibilidade aínda está enriba da mesa. O vicepresidente da Xunta avanza que a proposta xa foi remitida ao Consello Consultivo. Alfonso Rueda confía en que de aí saía unha resolución favorable que se lle poida remitir ao executivo central, unha vez que o porto respondeu xa que sería unha boa solución.
E sobre o ‘acoso’ que os traballadores din que sufriron na concentración da Toxa por parte das forzas da orde, a subdelega do goberno pasa palabra.
Porque, din fontes do Goberno aplicouse o protocolo propio dun evento como o Foro da Toxa. Os traballadores incluso conseguiron entregarlle a un representante de protocolo da Presidencia o manifesto no que explican as consecuencias que, ó seu parecer, suporía para Pontevedra o peche da pasteria.