A Deputación de Pontevedra dá a coñecer as posibilidades que a Unión Europea ofrece á mocidade

PONTEVEDRA> A Deputación de Pontevedra celebrou hoxe a xornada ‘Recursos da Unión Europea para a Xuventude’. Unha iniciativa coa que buscan dar a coñecer as posibilidades de formación, emprego ou mobilidade que ofrece Europa para a mocidade. Á cita asistiron preto de setenta profesionais do ensino, técnicos municipais e membros do tecido asociativo xuvenil da provincia.

Dar a coñecer as posibilidades que ofrece a Unión Europea á mocidade. Foi o obxectivo da xornada que hoxe acolleu a Deputación de Pontevedra.

Preto de setenta profesionais do ensino, técnicos municipais e membros do tecido asociativo xuvenil da provincia participaron da xornada. Da man da Fundación Galicia Europea, obtiveron unha visión completa dos programas e recursos da Unión dispoñibles para formación, mobilidade e participación cidadá.

Nesta xornada explicouse de xeito detallado o contido de programas como Corpo Europeo de Solidariedade, DiscoverEU, Semana Europea da Xuventude, Eures, Diálogo da UE coa Xuventude ou Mozos Xornalistas en Europa.

Dende a Deputación xa adiantaron que haberá máis obradoiros deste tipo, coa organización de máis encontros e talleres específicos.