PONTEVEDRA> O Concello de Pontevedra defende a legalidade da casa do alcalde da cidade, construída a finais dos anos 90. Despois de que o xornal ABC publicase que a vivenda estivo 22 anos sen licencia de ocupación, a voceira do goberno local indicou que no momento da súa construción non se pedía este documento. Miguel Anxo Fernández Lores tramitou esa licenza o ano pasado, cando acometeu unha reforma nesa propiedade. O goberno local sospeita que detrás de todo isto está o PP e os populares, pola súa banda, piden máis explicacións.
A voceira do goberno local de Pontevedra foi a encargada de defende-la legalidade da casa do alcalde da cidade. O xornal ABC publica hoxe que a vivenda do rexedor, que se rematou de construír no ano 98, estivo 22 anos sen licencia de primeira ocupación. Anabel Gulías explica que non hai ningunha irregularidade porque daquela, di, non era un trámite obrigatorio.
E a lei cambiou no ano 2002. Pero non foi ata o ano pasado cando o rexedor tramita esa licenza, coincidindo cunhas obras na casa.
Anabel Gulías quítalle ferro ao asunto, indicando que moitos veciños e moitas vivendas están nesta mesma situación. Á voceira do goberno local parécelle ‘desesperado’ retrotraerse ata finais dos anos 90 para ter que buscar argumentos contra o alcalde. Sospeita que detrás de todo isto está o PP.
Pouco despois de facerse pública a nova, o líder dos populares pontevedreses publicaba un chío pedindo explicacións ao propio alcalde. Rafa Domínguez avanza tamén que mañá vai pedir información na comisión de urbanismo.