Novembro de obradoiros, charlas e formación en Ribadumia para loitar contra a violencia de xénero

RIBADUMIA> Ribadumia pon en marcha a súa programación do 25N. O concello organiza distintos obradoiros e charlas durante o mes de novembro para conmemorar o Día Internacional para a eliminación da Violencia contra as Mulleres. Ademais, o goberno local levará o vindeiro xoves a pleno unha proposta para para a creación da Mesa Local de Coordinación Interdisciplinar fronte á Violencia de Xénero.

Baixo o lema ‘Por min e por todas as miñas compañeiras’, Ribadumia dedicará todo o mes de novembro a actividades a prol da eliminación da violencia contra as mulleres. Unha misión, explica o alcalde, na que se pon o foco durante este mes co gallo do 25N, pero no que o concello traballa todo o ano.

A programación inclúe un obradoiro de teatro todos os martes de novembro, así como outros talleres ou charlas. Por exemplo, unha sobre violencia vicaria, un taller sobre acoso e ciberacoso ou formación en igualdade e diversidade. Algunhas destas propostas forman parte das actividades que impulsa o CIM da Mancomunidade polo 25N. A programación en Ribadumia rematará o 29 de novembro coa VIII Festa do Deporte.

Ademais da lectura dun manifesto o propio 25 de novembro, o vindeiro xoves o goberno local levará a pleno a súa proposta para a creación da Mesa Local de Coordinación Interdisciplinar fronte á Violencia de Xénero.