A oposición de Poio acusa a Moldes de ocultar o ‘sablazo’ no recibo da auga

POIO> O Pleno do Concello de Poio aprobou o inicio do procedemento para adxudicar o novo contrato da auga. O goberno local asegura que con el se mellora a calidade no servizo. Pola contra, a oposición, denuncia que este novo contrato tradúcese nun ‘sablazo’. BNG e PSOE acusan ao goberno popular de mentir e ocultar á veciñanza a ‘brutal suba’  das tarifas da auga e o saneamento. Hoxe, os socialistas fixeron público un documento que lles faciliou o alcalde no Pleno onde, din, quedan claras esas subas abusivas.

O Pleno do Concello de Poio aprobou o inicio do procedemento para adxudicar o novo contrato da auga que, segundo o goberno local, permitirá mellorar a calidade do servizo e executar investimentos por valor de 15,4 millóns de euros en obras de ampliación e mellora das redes de saneamento e abastecemento en todo o municipio.

Na sesión o alcalde defendeu a transparencia do proceso, pero tanto BNG como o PSOE acusan ao executivo popular de ocultar á veciñanza unha suba abusiva das tarifas do abastecemento e o saneamento.

Hoxe, os socialistas de Poio acusaron a Ángel Moldes de seguir negando esa ‘brutal suba’, ocultando a verdade á veciñanza. A formación fala dun auténtico ‘sablazo’, cunha tarifa para o primeiro e segundo ano e unha máis elevada para o terceiro

Os socialistas denuncian que soben tódolos parámetros tanto no abastecemento como o saneamento.  

Hoxe, o PSOE fixo público un documento que lles facilitou o propio alcalde durante o Pleno cos cálculos oficiais das novas tarifas incluídas no contrato da auga. Din que se trata de información reveladora.

Os socialistas poñen exemplos de como afectará esta suba aos fogores e tamén a negocios. Neste caso, aseguran, un establecemento pasaría dun valor actual con consumo de auga de 64 euros a 278. Partindo desa táboa do goberno local, apuntan que un pequeno bar vería incrementado o recibo nun 800%.

Por último convidan á veciñanza a entrar na súa páxina web onde puxeron en marcha un comparador de tarifas para que cada familia ou negocio poida calcular como afectará aos seus petos o novo contrato.