PONTEVEDRA> A veciñanza da contorna das rúas Casimiro Gómez e Padre Fernando Olmedo, en Pontevedra, mira con preocupación a chegada do inverno e das fortes chuvias. Hoxe a Asociación de Afectados polas Inundacións do Río Valdecorvos mobilizouse para visibilizar o seu medo ante a posibilidade de que se repitan os asolagamentos de anos anteriores. Cren que unha vez máis chega a época máis complicada do ano con moitas preguntas e sen que as administracións fixeran os deberes.
Moitas preguntas e aínda máis incertezas e preocupacións. É a realidade que afrontan os veciños da contorna das rúas Casimiro Gómez e Padre Fernando Olmedo. Coa chegada do inverno e da tempada de chuvias máis fortes, eles miran para o ceo temendo que se repitan as inundacións de anos anteriores.
Hoxe eles mesmos calzaron as botas e as roupas de auga para revisar o estado do río Valdecorvos ao seu paso polo Centro Galego de Tecnificación Deportiva nun acto de protesta organizado pola Asociación de Afectados polas Inundacións.
Non lles convence, por exemplo, a proposta do concello de construír un novo colector na rúa José Malvar.
Entre outras medidas, o colectivo pide a retirada do colector de fecais situado no río, e que o concello aproveite a reforma da rúa Casimiro Gómez para cambiar a súa localización. Tamén que se realice un mantemento real e efectivo dos servizos soterrados.
Ademais, preocupa aos veciños o impacto que a construción de novos edificios tanto na antiga parcela de Tafisa como na zona de Valdecorvos pode ter na súa problemática. Cren que estas actuacións van reducir aínda máis a permeabilidade do solo.
O percorrido real do río Valdecorvos ou se ten a dimensión necesaria para toda a auga que recolle das pluviais, son outras preguntas que se fan os veciños e para as que cren que non hai respostas claras. E todo mentres se aproxima un inverno ao que se chegará, lamentan, sen que as administracións teñan os deberes feitos.











