VILAGARCÍA> Xornada de folga das traballadoras da limpeza do Hospital do Salnés. Xunto coas compañeiras dos complexos hospitalarios do Barbanza e Cee reclaman equiparación de salarios e condicións ao resto de hospitais do SERGAS. Dende esta semana, convocan os martes e mércores paros de dúas horas por cada quenda.
Dende esta semana, as traballadoras do servizo de limpeza do Hospital do Salnés, xunto coas do Barbanza e Cee, inician unha xeira de paros denunciando as súas condicións laborais en comparación co resto de centros. Explican que no mes de maio presentaron un escrito reclamando unha reunión coa Xunta para tratar este tema, sen que polo de agora obtivesen resposta.
Din que están a vivir unha discriminación respecto do resto de centros. Explican que aquí no Salnés réxense polo convenio provincial da limpeza.
Logo de varias concentracións, esta semana arrancaron coas folgas. Os martes e mércores ata finais de decembro farán paros de dúas horas por quenda.
Para estes paros decretáronse uns servizos mínimos do 67%, que dende a CIG consideran excesivos.











