O Trail de Lousame será o domingo 11 de decembro

LOUSAME> Xa hai data para o Trail de Lousame. Será o domingo 11 de decembro.

A proba foi presentada nun acto que contou coa presenza, entre outras autoridades, da propia alcaldesa, Teresa Villaverde.

A rexedora destacou a importancia desta cita deportiva que se adapta ás singularidades que presenta o municipio, polo que animou á participación.

Como en anos anteriores o Trail dividirase en dúas modalidades, un trail longo de 25 quilómetros, máis esixente, e un trail curto, cunha distancia de 16 quilómetros. Os dous terán coma punto de saída e chegada o pavillón municipal Pilar Barreiro Senra, na Silva.

Unha semana antes, o sábado 3 de decembro, en horario de tarde, desenvolverase tamén o Pequetrail, dirixido a nenos con idades comprendidas entre os cinco e os 17 anos, cun percorrido adaptado a eles.

Aproveitouse o acto para presentar tamén a Andaina Solidaria e Belén de Cumes que terá lugar o sábado 17 de decembro, con saída ás dez da mañá dende a praza do Concello. Todo o que se recade na proba irá a beneficio da Obra Social de Pediatría do CHUS.

Dende a organización quixeron agradecer a colaboración do equipo de voluntarios, así como tamén coas empresas colaboradoras, xa que sen a súa axuda sería imposible poder celebrar ningún destes tres eventos.

As inscricións nas tres probas xa están abertas podéndose realizas a través da web de emesports.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí