Máis de 20 expositores integrarán a II Feira Náutica do Freixo que se celebrará do 28 ó 30 de xuño

OUTES> Todo listo en Outes para acoller a segunda Feira Náutica do Freixo que se celebrará entre o 28 e o 30 de xuño. Aínda que se trata dun evento de carácter profesional, haberá tamén todo tipo de actividades de lecer relacionadas coa cultura mariñeira.  

Unha vintena de casetas compoñerán a Feira Náutica do Freixo que celebrará a súa segunda edicións entro o 28 e o 30 de xuño. O concello de Outes, en colaboración co GALP Costa Sostible e Portos de Galicia, volve organizar este evento que busca promocionar as actividades profesionais vinculados co mar, especialmente coa construción naval e os servizos náuticos, pero tamén con actividades artesanais ou gastronómicas que terán o seu espazo no mrecado mariñeiro.

E é que ademais da vertente profesional, a feira porá en valor a extensa cultura mariñeira de toda a ría de Muros-Noia con actividades culturais baseadas na tradición mariñeira de Outes.

Xunto cos roteiros culturais e saídas en barco desenvolveranse unha mostra de embarcacións tradicionais, que incluirá este ano unha regata de exhibición de bucetas.

O evento contará ademais cun amplo programa de lecer con concertos para tódolos públicos durante os tres días que dure a feira. Toda a información dispoñible xa se pode consultar na web feiranauticadofreixo.gal na que, a partir de mañá, é posible reservar praza naquelas actividades que requiran de inscrición previa.