O novo centro dual de Hostalería e Restauración de Sanxenxo estará operativo na primavera de 2026

SANXENXO>  O novo centro dual de Hostalería e Restauración de Sanxenxo estará operativo na primavera de 2026. Esa é a previsión que manexan dende a Xunta, á vista da evolución das obras. Uns traballos que se están a acometer no antigo colexio do Cruceiro, en Vilalgonga, que albergarán tamén unha biblioteca e un centro de maiores. A reforma supón un investimento de tres millóns de euros.

Este é o estado no que se atopa a reforma integral do antigo colexio do Cruceiro, na parroquia sanxenxina de Vilalonga. Dos cinco edificios que había aquí, derrubáronse catro. O único que quedou en pé estase a transformar no que será o novo centro dual de Hostalería e Restauración de Sanxenxo. Á vista do avance dos traballos, a previsión é que estea operativo na primavera de 2026.

O novo centro virá a dar resposta á alta demanda de persoal cualificado que se precisa no sector hosteleiro de Sanxenxo e do resto da comarca. Na visita ás instalacións, o conselleiro de Educación, cualificou o proxecto de “redondo”, polo aproveitamento deste edificio, a colaboración entre as partes implicadas e pola formación de calidade que aquí se vai impartir

Destacou tamén Román Rodíguez a fundamental implicación do sector privado.

Unha formación, por certo, que xa se está a impartir dende hai tres anos noutras instalacións alugadas. Dende o sector celebran o acondicionamento deste antigo colexio para formar aos profesionais do futuro.

O orzamento para a rehabilitación deste edificio rolsa os 3 millóns de euros, procedentes de fondos Next Generation a través do goberno central.