A POBRA> Concluídas as obras de consolidación do paseo marítimo dos Areos acometidas pola vía de emerxencia ante o risco de colapso da estrutura. O alcalde da Pobra e a concelleira de Obras supervisaron esta mañá o resultado dos traballos.
En apenas tres semanas, a empresa adxudicataria concluíu as obras de consolidación do paseo dos Areos na Pobra que puido reabrir ó público xusto antes da Semana Santa. As obras, cun investimento próximo ós 90 mil euros, foron financiadas polo concello e tramitadas pola vía de emerxencia ante o mal estado que presentaba a instalación con risco de colapso nalgúns treitos.
A actuación principal consistiu no reforzo da base e inxección de formigón para asegurar a estrutura moi erosionada pola acción das mareas.
Inicialmente, o concello da Pobra solicitou a intervención doutras administracións con competencias para asumir a actuación. Sen embargo, a proposta da Demarcación de Costas contempla un proxecto de rexeneración integra de todo o paseo o que implicaría un longo proceso de tramitación e execución das obras que impediría a súa reapertura durante meses ou mesmo anos.











