O PP da Pobra denuncia que moitos veciños quedaron sen entrada para o Encontro do Maior

A POBRA> O Partido Popular denuncia que moitos pobrenses quedaron sen entrada para o Encontro do Maior. Entenden que o concello debería ter priorizado a venda para persoas empadroadas no municipio, posto que o xantar se financia cos impostos dos veciños.

O PP da Pobra fíxose eco das numerosas queixas recibidas por parte dos veciños que quedaron excluídos do encontro do maior que se celebra mañá. Tras recibir a carta do concello acudiron a retirar a súa invitación atopándose coa desagradable sorpresa de que non quedaban entradas.

Os populares entenden que debería terse aberto un prazo de venda exclusivo para empadroados, e abrilo posteriormente ós veciños doutros municipios no caso de quedar prazas dispoñibles.

Dende o PP xa presentaron un escrito no concello demandando información sobre o número de asistentes do municipio e o procedemento de venda das entradas.