Buscan un cadáver que uns surfistas aseguran ter visto preto dunha praia de Sanxenxo

SANXENXO> En Sanxenxo, amplo dispositivo de busca dun cadáver que uns surfistas aseguran ter visto na contorna da praia de Canelas. Os efectivos de emerxencia levan horas na súa contorna, por terra e tamén coa colaboración de ata catro embarcacións. Na zona do areal apareceu un bañador, que agora se está a investigar se podería pertencer a esa persoa supostamente desaparecida.

Amplo dispositivo de emerxencia por terra e tamén polo mar, coa intervención de ata catro embarcacións, na procura dun cadáver que tres surfistas aseguran ter visto aboiando boca abaixo nas inmediacións desta zona rochosa da praia de Canelas, en Sanxenxo. Os deportistas deron a voz de alarma onte á tarde ó 112, informando da presenza dun corpo na zona.

Os efectivos de emerxencia puxeron en marcha decontado, xa onte á tarde, un operativo de busca, que se estendeu ata que se puxo o sol. Sen ningún resultado, o dispositivo retomouse esta mañá e prolongouse durante toda esta xornada.

Do paradoiro dese suposto cadáver, ó peche desta edición, non houbo ningunha novidade. Non se descarta ningunha opción, mesmo que poida tratarse dunha falsa alarma.

O único que se localizou, polo de agora, neste areal de Canelas foi un bañador. Esa peza de roupa descoñécese se podería pertencer ó suposto desaparecido ou se, simplemente, chegou á praia arrastrado polo temporal. Agora, estase a analizar para tentar determina-la súa procedencia.

O operativo está sendo coordinado por Salvamento Marítimo.