Pontevedra recibe o 2026 con actividades para a rapazada e a San Silvestre

PONTEVEDRA> Pontevedra conta as horas para darlle a benvida de forma oficial ao 2026. Con todo, a rapazada da cidade xa celebra o ano novo dende as 14:00 horas deste 31 de decembro grazas ás badaladas infantís que acolleu o Mercado de Abastos.

A iniciativa, organizada polo Concello, forma parte da Festa de Fin de Ano Infantil que acolleu a Praza esta mañá. Unhas actividades que arrancaban xa contra as 11:30 horas co obradoiro ‘Crea o teu cotillón’, seguida dunha sesión musical infantil.

Ao mesmo tempo, o centro histórico de Pontevedra gozou este mediodía co pasarrúas ‘Bólas de Nadal’, que tamén serviu para animar os primeiros vermús destas últimas horas do derradeiro día do ano.

Pola tarde, a cidade correrá un ano máis na carreira de San Silvestre, que ten prevista a súa saída ás 17:00 horas da avenida de Montero Ríos. Polo de agora, son máis de 4.000 persoas as que xa formalizaron a súa inscrición.

O 2026 botará a andar en Pontevedra co tradicional Concerto de Aninovo, programado para este 1 de xaneiro ás 19:30 horas no Auditorio.