A POBRA> Como cada ano, os Reis Magos chegarán á Pobra en vehículos descubertos. Tralo seu percorrido polas parroquias, terá lugar a tradicional cabalgata que concluirá cunha recepción real no Pavillón de Venecia.
Todo listo na Pobra para a visita dos Reis Magos que o próximo luns chegarán moi cedo á vila. ás dez da mañá sairán en vehículos descubertos dende a aldea da Tomada para percorrer tódalas parroquias do municipio e a residencia da terceira idade. Este percorrido poderá seguirse por streaming no perfil de Facebook do concello. Xa pola tarde a tradicional cabalgata sairá a partir das cinco dende a estación de autobuses acompañada de diversos grupos de animación.
Ás seis as súas maxestades chegarán ó pavillón de Venecia onde trala ofrenda ó neno Xesús recibirán a tódolos cativos nunha gran festa con animación musical e roscón para tódolos asistentes.
Dende o concello quixeron agradecer o labor das forzas de seguridade e voluntarios que colaboran na organización para poder desenvolver este multitudinario evento sen incidencias.











