SEA e concello da Pobra abordan a necesidade de ampliación da Tomada

POBRA> O concello da Pobra realizará un estudo sobre a demanda de chan empresarial no municipio. Paralelamente buscará a opción de terreos máis axeitada para a ampliación do polígono da Tomada. Así o acordou o alcalde coa xuntanza mantida coa xerente da sociedade Solo Empresarial do Atlántico que amosou o seu compromiso e interese en abordar esta ampliación.

O polígono da Tomada afronta unha nova fase de ampliación despois de esgotarse a totalidade das parcelas, agás catro de titularidade municipal que suman unha superficie de apenas seis mil metros cadrados. A intención de Solo Empresarial do Atlántico é dotar de chan empresarial a aqueles concellos que o precisen polo que acometerán a ampliación do polígono pobrense sempre e cando un estudo avale a demanda por parte do empresariado e se poñan a disposición os terreos necesarios.

Ubicación que se prevé cara o sur, en dirección ó concello de Ribeira para evitar a afectación a vivendas e garantir unha ampliación mínima de cen mil metros cadrados. A visita da xerente da entidade enmárcase na elaboración do seu primeiro plan estratéxico que busca optimizar os recursos adaptando a oferta dos concellos ás necesidades reais dos empresarios.

Dende a sociedade estatal están a estudar tamén a posibilidade de orientar os polígonos a determinadas temáticas segundo a principal actividade das empresas como podería ser a creación de parques tecnolóxicos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí