RIBEIRA> A Plataforma pola Sanidade Pública retomou as mobilizacións diante do centro de saúde de Ribeira despois do parón das festas de Nadal. Aínda que a situación mellorou con respecto ós últimos meses, manterán as protestas para evitar novos retrocesos chegando mesmo a Compostela onde teñen previsto mobilizarse o próximo día 16.
Nas últimas semanas, a situación no centro de saúde de Ribeira mellorou levemente con 12 médicos en activo dos 14 que lle corresponden. Tamén en Aguiño incorporouse unha das titulares da praza que estaba de baixa polo que ata o de agora o consultorio estaba sen médico. A pesar desta mellora, dende a plataforma animan a non baixar a garda en previsión de novos recortes que supoñan un retroceso.
Dende a plataforma fan un chamamento a acudir a esta concentración prevista en Santiago, onde agardan ser recibidos polo Conselleiro de Sanidade que aínda non se reuniu con representantes dos pacientes a pesar das reiteradas solicitudes.











