Valga converte nunha festa a recepción dos Reis Magos

VALGA> Inchables, obradoiros e chocolate con churros. Con esta festa recibiu Valga aos Reis Magos. Como xa é tradición, as Súas Maxestades visitaron os arredores do Belén Artesanal para poder saudar á rapazada valguesa e recoller as últimas cartas.

Melchor, Gaspar e Baltasar non faltaron á súa cita anual coa cativada de Valga. Como xa é tradición, antes da noite máis máxica do ano as Súas Maxestades celebraron unha recepción na contorna do Belén Artesanal do concello.

Ademais de saudar a todos os nenos e entregarlles os primeiros agasallos da xornada, os Reis Magos aproveitaron para recoller as cartas cos últimos desexos.

Antes de recibir aos máis cativos, os Magos de Oriente aproveitaron para visitar ás veciñas centenarias do concello para felicitarlles a entrada do novo ano e entregarlles un agasallo.

Valga converteu esta recepción nunha auténtica festa. Xa dende primeira hora da tarde houbo inchables, obradoiros e música para facer máis amena a espera dos Reis Magos. Xa con Melchor, Gaspar e Baltarsar como testemuñas entregáronse os premios do concurso de decoracións de Nadal e beléns artesanais.

A xornada rematou cunha chocolatada con churros gratuíta para todos os asistentes.