BOIRO> A corporación municipal e Boiro aprobou as partidas a financiar con cargo ó POS social da Deputación. A principal novidade será unha liña de axudas para a realización de obras de accesibilidade para familias con membros en situación de dependencia. O acordo saíu adiante cos votos a favor de tódolos grupos a excepción do PP que optou pola abstención.
O concello de Boiro destinará os preto de 128 mil euros que lle corresponden do POS Social a reforzar as necesidades de accesibilidade e os recursos a dependencia. Preto de cen mil serán para partidas de gasto corrente, entre as que destaca como novidade unha liña de axudas para adaptación e eliminación de barreiras arquitectónicas para familias con persoas dependentes que contará cunha dotación de 34 mil euros.
En materia de investimentos, ampliaranse os recursos de axudas técnicas en préstamo coa adquisición de sete camas articuladas e seis grúas para mobilización de persoas. Este equipamento, que suporá un custo de 17 mil euros, vense sumar ó catálogo do que xa dispón o concello con cadeiras de rodas, colchóns antiescaras ou camas articuladas que veñen prestando servizo a máis de 90 familias. Outra das partidas que se incorpora este ano é a destinada ó equipamento tecnolóxico para a adquisición dun sistema de intelixencia artificial por máis de 11 mil euros.
O resto da subvención destinarase ó reforzo de persoal técnico e administrativo, con preto de 30 mil euros, a ampliación das partidas de emerxencia social dotada con 28 mil e unha achega próxima ós oito mil euros para o programa de respiro familiar.











