O concello de Ribeira estuda a viabilidade dunha nova residencia

RIBEIRA> O concello de Ribeira estudará a viabilidade dunha nova residencia da terceira idade. A intención do executivo é construír a infraestrutura no inmoble de Hesta Kurva, sempre e cando o estudo avale a necesidade de contar con outra instalación deste tipo. Dende que o concello adquiriu o antigo edificio da discoteca Hesta Kurva sempre barallou a  posibilidade de crear unha nova residencia para os maiores. Trátase dunha parcela moi ampla e con moitas posibilidades polo que podería albergar unha residencia con gran capacidade. Sen embargo, é preciso realizar un estudo de viabilidade sobre as necesidades deste servizo así como captar  inversión privada para poder poñelo en marcha. Neste sentido, son numerosos os contactos establecidos entre o concello e a xerencia de Domusvi, empresa que xestiona a residencia coa que xa conta Ribeira na zona do Malecón. Á espera de coñecer as conclusións do estudo, os responsables de Domusvi xa visitaron as instalacións de Hesta Kurva para coñecer as posibilidades que ofrecen tanto o edificios como os terreos.