VILAGARCíA> Vilagarcía ten previsto eliminar este mesmo ano un perigoso punto negro da rede viaria municipal. Trátase da denominada curva da rúa Fontecarmoa. O concello ten para alí un proxecto que consiste no ensanche da vía grazas a un acordo cun veciño para o retranqueo dun muro. Vanse investir case 400.000 euros.
Vilagarcía diralle adeus en breve á perigosa curva da rúa Fontecarmoa, un punto negro da rede viaria municipal.
O goberno local presentou hoxe o proxecto para ese punto. Unha intervención que será posible grazas a un acordo cun veciño, coa cesión de 50 metros cadrados e o retranqueo dun muro.
E froito dese acordo, ese veciño recibirá contraprestacións como a acometida de saneamento e abastecemento. En total, o investimento rolda os 400.000 euros.
O prazo de execución desta mellora é de tres meses, coa previsión de que quede solucionado ao longo deste ano.











