Sanidade habilitará novas dependencias do centro de saúde na Casa do Mar

RIBEIRA> A alcaldesa de Ribeira mantivo un encontro co Conselleiro de Sanidade para abordar as necesidades en materia de atención primaria. O titular autonómico comprometeuse a ampliar os espazos no actual centro de saúde á espera da construción do novo ambulatorio, que precisará de maior superficie ó albergar tamén as unidades de saúde mental e condutas aditivas.

O concello de Ribeira segue a traballar na busca dos mellores terreos para albergar o futuro centro de saúde do municipio. A inclusión dunha unidade de saúde mental e do servizo de condutas aditivas presenta unha maior necesidade de superficie, asunto abordado polo Conselleiro de Sanidade á alcaldesa nunha recente reunión.

 Á espera de que este proxecto, que duplicará a capacidade do actual servizo, se materialice, a intención da Xunta é ampliar os espazos do centro de saúde actual con varias dependencias baleiras no inmoble anexo.

Durante o encontro, María Sampedro trasladou tamén ó responsable autonómico a falla de persoal médico en determinadas áreas que está a provocar demoras nas listas de primaria.