RIBEIRA> Catorce anos despois, a ruta conmemorativa volverá partir de Ribeira na súa cuadraxésima edición. Ademais do carácter institucional do evento, o concello pretende implicar á cidadanía polo que habilitará un catamarán para acompañar ás numerosas embarcacións participantes.
A Fundación Ruta Xacobea do Mar de Arousa e Ulla elixiu Ribeira como porto de partida na 40 edición da Traslatio, unha ruta marítimo fluvial que conmemora o traslado dos restos do Apóstolo Santiago dende Palestina ata a costa galega. Será o sábado 20 de xuño cun acto institucional previo que se celebrará ás catro da tarde na lonxa de Ribeira. ó redor das cinco e media, as embarcacións que participen na peregrinación tomarán a saída pola ría arousá para remontar finalmente o río Ulla.
Ademais do carácter espiritual, a ruta destaca polo seu enorme valor cultural como berce da tradición xacobea constituíndo actualmente unha variante marítima do Camiño portugués que conta co único vía crucis marítimo fluvial integrado por 17 cruceiros.
Co obxectivo de dar a coñecer toda esta riqueza cultural e paisaxística ,o concello de Ribeira porá a disposición da veciñanza un catamarán para realizar a ruta. Os interesados poden reservar a súa praza a partir do luns 15 de xuño na Oficina de Turismo do Malecón.










