O BNG pide a mediación da Xunta para solucionar a crise do transporte público por estrada

RIBEIRA> O BNG de Ribeira pide á Xunta de Galicia maior implicación na negociación do convenio colectivo do transporte de viaxeiros por estrada, un sector que permanece en folga dende finais do pasado ano. Ademais do seu papel como mediador, os nacionalistas lembran ó goberno autonómico a necesidade de esixir á empresa concesionaria o cumprimento das condicións para garantir un servizo eficiente e de calidade.

A finais do pasado ano, o transporte público de pasaxeiros por estrada de toda a provincia da Coruña iniciaba unha folga intermitente ante o bloqueo das negociacións do convenio colectivo, caducado hai máis de catro anos. Os traballadores demandan a súa adaptación á normativa vixente en cuestións tan básicas como o control horario, subas salariais e a mellora das condicións laborais dos acompañantes no transporte escolar. O BNG reclama á Xunta que asume o papel de intermediario e se implique directamente nas negociacións para desbloquear este conflito laboral que vai camiño de agravarse posto que a partir do 2 de febreiro a folga converterase nun paro indefinido.

Ademais da mellora das condicións laborais do persoal e do servizo de transporte que, na actualidade rexistra importantes deficiencias por mor dos incumprimentos da empresa concesionaria, dende o BNG lembran a necesidade de acometer intervencións nalgunhas infraestruturas como a estación de autobuses de Ribeira, pendente dos peches para que os seus usuarios poidan resgardarse.