Todo a punto para unha cita electoral que será decisiva nalgúns concellos

BARBANZA> O fin da campaña electoral deixa paso a unha xornada de reflexión na que os barbanzáns indecisos poderán decidir o sentido do seu voto. Deles dependerá o resultado final duns comicios que se presentan máis disputados en concellos como Ribeira ou Noia.

No Barbanza, unha das prazas máis disputadas atopámola en Ribeira, onde sete formacións políticas concorren á cita electoral. O PP de Manuel Ruíz agarda volver contar co respaldo da cidadanía aínda que a maioría absoluta antóllase difícil abrindo a porta a un posible pacto das esquerdas no caso de contar con máis representación.

Na Pobra, os tres partidos que integran o actual tripartito agardan revalidar o acordo de goberno aínda que dependendo dos votos acadados pode haber cambios na alcaldía. Onde o cambio de rexedor si esta garantido é en Rianxo posto que o nacionalista Adolfo Muíños non opta á reelección. No seu lugar concorre Xusto Ordóñez quen medirá forzas ante os novos candidatos do PSOE e PP, Óscar Rial e José Luís Castiñeiras. Tan só repite Julián Bustelo como cabeza de cartel por Rianxo en Común.

En Boiro, o socialista Xosé Ramón Romero, aspira a un segundo mandato para o que podería precisar do apoio doutras forzas como na actual lexislatura.

No que respecta ás comarcas de Muros e Noia amén podería haber novidades trala xornada electoral. Un dos escenarios máis abertos está en Noia onde as forzas de esquerda tentarán arrebatarlle a alcaldía ó PP de Santiago Freire que opta á reelección. Será clave, como na cita electoral de 2019, o papel de Noieses Independentes Agrupados.

Tampouco en Outes está moi claro o panorama trala renovación de candidatos no PP e no BNG. O actual rexedor, Manuel González, de Compromiso por Galicia opta a un segundo mandato. Menos sorpresas se agardan en Muros onde a popular Inés Monteagudo aspira a repretir como alcaldesa catro anos máis, nin tampouco en Porto do Son onde Luis Oujo agarda volver contar con maioría absoluta.