Moraña e Cuntis, entre os concellos con alerta máxima por intensas chuvias

CUNTIS> Día moi complicado na nosa contorna polo temporal. No interior da provincia de Pontevedra temos 16 concellos en alerta vermella por chuvias, co peor da borrasca golpeándonos dende as 9 desta noite. Deses concellos onde se decretou o nivel máximo de alerta,  hai dous da zona de cobertura de Canal Rías Baixas: Moraña e Cuntis.

A alerta vermella, téñano en conta se van circular pola zona, tamén afecta aos concellos de Agolada, Campo Lameiro, A Cañiza, Cerdedo-Cotobade, Covelo, Dozón, A Estrada, Forcarei, Fornelos de Montes, Lalín, A Lama, Rodeiro, Silleda e Vila de Cruces.

No concello de Cuntis, está activado o Plan Especial polo risco de inundacións. As fortes precipitacións provocaron a crecida  dos ríos. O Gallo desbordou, xerando a alarma entre os veciños da zona. Tamén desbordou un afluente do Gallo, o Regueiro de Calvos.

Nas vivendas próximas ás zonas inundadas, os veciños retiraron das plantas baixas os seus enseres, ao tempo que desaloxaron animais dalgunhas cortes.Tarefas nas que colaboraron os efectivos de emerxencia.

Avisos  das autoridades

O concello de Cuntis pide extremar as precaucións ante estas horas moi complicadas no municipio. A través das súas redes sociais, fai un chamamento á responsabilidade e á máxima prudencia.

Segundo indican, o Servizo Municipal de Emerxencias e Protección Civil, debido aos desbordamentos dos ríos, non poden asegurar o bo estado das vías nin garantir a seguridade na circulación.

Nun comunicado, asinado polo alcalde, pide á veciñanza evitar calquera desprazamento, quedar na casa e evitar achegarse a zonas inundables. Manuel Campos advirte que a situación é de risco extremo e moi cambiante e pide que non se poñan en perigo a vida dos veciños non as dos efectivos de emerxencia. Tamén o concello de Moraña, a través das súas redes sociais, compartiu nas ultimas horas indicacións á poboación relacionadas con este episodio vermello por chuvias.

Envío de ES-Alert á poboación

Toda a poboación dos concellos onde está activa esta alerta vermella por fortes chuvias recibiron un ES-Alert no seu móbil. A Xunta fixo o envío xa este domingo de maneira preventiva para garantira a seguridade da cidadanía. Ademais, neses concellos tamén se cancelaron hoxe as clases e o transporte escolar.

Ante esta situación, o presidente da Xunta achegábase ata a central de emerxencias do 112 na Estrada. Dende alí, Alfonso Rueda, pedía  extremar as precaucións e evitar desprazamentos innecesarios.