O Pontevedra continúa a celebración do ascenso coas recepcións institucionais

PONTEVEDRA> O Pontevedra amarrou onte o seu ascenso a Primeira RFEF. Fíxoo fronte ao Laredo, cun resultado dun 4 a 2 ante un Pasarón ateigado de afeccionados que non quixeron perder o regreso dos granates a esta categoría. A festa trasladouse despois do campo ás prazas da cidade e continuou hoxe coa axenda máis institucional. O conxunto foi recibido polos presidentes da Xunta e da Deputación de Pontevedra e polo alcalde da cidade.

Este gol de Igor Irazu no minuto 84 selou o regreso do Pontevedra á Primeira RFEF. E desatou a tolemia en Pasarón.

O marcador quedou cun 4 a 2 fronte ao Laredo e o campo pontevedrés converteuse nunha auténtica festa. Celebración que despois se estendeu á praza do Teucro, cun baño de masas dos xogadores por parte da afección, e que rematou na Sala Zennet da cidade.

Hoxe foi a quenda da parte máis institucional deste ascenso. Xa pola mañá o conxunto granate foi recibido polo presidente da Xunta de Galicia no Pazo de Raxoi, en Santiago. Un acto ao que tamén asistiron o conselleiro de Deportes, Diego Calvo, e o secretario xeral da área, José Ramón Lete.

A axenda levou a xogadores, directiva e corpo técnico de volta a Pontevedra. Ao mediodía foron recibidos na Deputación de Pontevedra.

A festa granate rematou xa a última hora da tarde coa recepción na Casa Consistorial por parte do alcalde da cidade, Miguel Anxo Fernández Lores.