VILANOVA> Eros é un gato da rúa que atopou no colexio de Viñagrande, en Vilanova, unha segunda oportunidade. No centro decidiron adoptalo e, coa súa axuda, fomentan valores como a convicencia e o respecto animal. A implicación da rapazada neste proxecto educativo está sendo exemplar.
Así de cómodo atopamos a Eros agardando por nós neste colexio de Viñagrande, En Vilanova. A este gato cambioulle a vida hai agora ano e medio. Estaba na rúa e un día decidiu achegarse ata este centro. Dende aquela non só vive aquí, forma parte da comunidade educativa.
Un proxecto que foi un éxito dende un primeiro momento, coa implicación do profesorado e o alumnado. A rapazada adórao e el cada mañá recíbeos no centro agardando por unha boa ración de aloumiños.
Todo o cole participou na construción da súa casiña de madeira. Pero o papel de Eros vai moito máis alá que ser unha mascota, converténdose nun recurso educativo transversal. Con el, o profesorado traballa a educación emocional, a convivencia, o respecto cara os animais.
A través de Eros tiveron ocasión de achegar á rapazada de 5º e 6º todo tipo de temáticas, mesmo algunhas difíciles de abordar.
Dende o centro e o Refuxio de Animais de Cambados están máis que satisfeitos ante os resultados desta experiencia que, ademais, é pioneira.
Eros é ademais un bo exemplo de algo no que sempre cómpre insistir: antes de mercar o mellor é sempre adoptar e darlle unha segunda oportunidade a quen máis o precisa.











