Caleiro agarda unha gran afluencia ao San Cidre grazas ao seu vídeo viral que deu a volta a Galicia

VILANOVA> A veciñanza de Caleiro, en Vilanova, anda estes días moi atarefada poñendo a punto os seus tractores e maquinillos. Este sábado moitos deles desfilarán pola parroquia, pola festa do San Cidre, patrón dos labradores. A xornada incluírá tamén degustación de chourizo con pan de millo, outras propostas gastronómicas, actividades para a rapazada e moita música, dende primeira hora e ata a noite. O broche final vano poñer este ano as orquestras New York e Fuego.

Na parroquia de Caleiro, en Vilanova de Arousa, os maquinillos prepáranse para gozar da festa do San Cidre deste sábado. A tradición manda e os tractores, pequenos ou grandes, bótanse aos camiños para honrar ao patrón dos labregos. De feito, o concurso e desfile de carros e tractores engalanados para a ocasión é un dos momentos álxidos da festa. Agardan, polo menos, reunir os 13 que participaron o ano pasado.

Detrás do San Cidre está a renovada Comisión do Pan e o Chourizo que está revitalizando un festa que moitos xa daban por perdida. Facendo honor ao seu nome este sábado ao mediodía farán reparto de chourizos, pan de millo e viño a cambio dunha pequena doazón. Haberá ademais outros postos de comida. Sumándolle a todo isto animacións musicais á mañá e á tarde, unha festa da escuma e a verbena á noite coa New York e Fuego.

A comisión agarda este ano moita máis afluencia ao San Cidre que en edicións anteriores. En boa medida polo éxito da promoción desta festa, grazas ao vídeo viral que fixeron para anunciar o cartel deste ano. Unha gravación que está dando a volta a media Galicia.

O éxito dese vídeo é tal que ata o alcalde de Vilanova bromea cos da comisión asegurando que están a piques de acadar a fama dos televisivos Mozos de Arousa.

A troula en Caleiro, ademais, vai continuar o domingo, coa xuntanza nos muíños de Currás. Ademais de troula e gastronomía, o evento busca a unión da veciñanza, para que gocen dunha xornada de confraternidade nun espazo privilexiado desta parroquia vilanovesa, como son estes muiños.