A Xunta pídelle á Mancomunidade un proxecto para a ETAP de Treviscoso

SALNÉS> A Xunta pídelle á Mancomunidade do Salnés que elabore un proxecto para a ampliación da ETAP de Treviscoso. O presidente comarcal mantivo unha reunión coa Conselleira de Medio Ambiente. Nesa xuntanza, Ánxeles Vázquez puxo sobre a mesa o posible financiamento desta estación de auga potable a través de fondos europeos. O encontro serviu tamén para unha primeira toma de contacto para a reposición da tubaxe que abastece O Grove.

A ampliación da estación de tratamento de auga potable que abastece á comarca do Salnés comeza a desatascarse. O presidente da Mancomunidade, David Castro, mantivo unha reunión coa Conselleira do Medio Ambiente para avanzar neste asunto. Dende a Xunta piden que se redacte un proxecto. Non é a primeira vez que esta cuestión está enriba da mesa: no 2017 xa se anunciara a elaboración dun anteproxecto.

A Mancomunidade conta cos terreos para esa ampliación dende o 2017. Agora, a elaboración deste proxecto, segundo se abordou na xuntanza, servirá tamén para consegui-lo financiamento preciso para facelo realidade. A opción que plantexa a Xunta é facelo con fondos europeos.

Esta ampliación suporía a cración dun novo depósito con capacidade para 15.000 metros cúbicos de auga. Na actualidade aquí almacénanse 10.000. Unha cantidade escasa nos meses de verán, onde a seca e o aluvión de visitantes pon á comarca nunha situación límite.

Na xuntanza entre Castro e Vázquez tamén se abordou a situación da tubaxe que abastece O Grove, onde as incidencias son habituais.

O encontro serviu tamén pra abordar o bombeo entre Cambados e Vilanova. Castro salienta as trabas que pon Costas para a renovación desa tubaxe e, apunta, tanto Xunta como Mancomunidade seguirán remando xuntos para argumentar que este tamén é un proxecto básico para a comarca.