A Xunta analiza coas confrarías a situación dos bancos marisqueiros tralo exceso de chuvias

BARBANZA> A baixada de salinidade tralas intensas chuvias dos últimos días foi un dos temas abordados esta mañá na reunión entre a Conselleira do Mar e os representantes das confrarías. A administración avaliará a afectación dos distintos bancos nos que xa se están a realizar mostraxes para determinar o estado en que se atopan tralas fortes precipitacións.

Neste sentido, Marta Villaverde destacou que os técnicos da Consellería do Mar están a realizar un control continuo dos principais parámetros ambientais que poden afectar ao recurso, como a temperatura, o pH ou a salinidade das augas, co obxectivo de avaliar os posibles riscos para a supervivencia e viabilidade dos moluscos.

Durante a reunión cos presidentes das federacións de confrarías, abordáronse tamén os avances na elaboración dun baremo para o marisqueo a pé que garanta un acceso equilibrado e ordenado á actividade.