A POBRA> Catro obras compoñen o cartel da mostra de teatro afeccionado que dará comezo este domingo na Pobra. Tódalas funcións desenvolveranse ás sete da tarde no cine Elma, A entrada é libre ata completar aforo.
A colaboración coa Rede Cultural da Deputación da Coruña e o afán do concello da Pobra por dinamizar a oferta de lecer no municipio terán como resultado unha nova edición da mostra de teatro afeccionado que se desenvolverá dende este domingo e ata mediados de febreiro.
A compañía encargada de levantar o pano este domingo será ‘Mimarte’ coa posta en escena do musical ‘A Casa das Cancións’.
Tomaralle o relevo o grupo de Teatro ‘Airiños’ de Rianxo que o día 22 representará ‘República Sideral’ mentres que o 29 serán os integrantes do club de maiores de Boqueixón os encargados de poñer sobre as táboas ‘Un morto moi vivo’. O grupo de teatro do IES de Brión pechará a mostra coa representación de ‘O Banco’ o día 5 de febreiro.