King África animará a Noite Pirata dun Entroido pontevedrés que homenaxea a Castelao

PONTEVEDRA> O Entroido pontevedrés bailará ao ritmo de King África. O seu concerto no marco da Festa Pirata será unha das novidades da programación. Do 13 ao 21 de febreiro non faltarán as citas habituais como o desfile, o Ravachol ou as Murgas. Tampouco o pregón, que correrá a cargo do grupo ‘Os das Pistas’. Ademais, este ano a cita homenaxeará a Castelao, con reinterpretacións das súas obras. En canto á preocupación polo mal tempo, a intención do concello é manter a programación hasta o último minuto.

Pontevedra xa conta os días para o arranque do seu Entroido.

A programación comezará o día 13 de febreiro. Farao con dúas citas imperdibles: a recepción ao rei Urco e o pregón, a cargo este ano do grupo ‘Os das Pistas’.

Así, dende o venres 13 ao sábado 21 a cidade celebrará o Entroido con diferentes propostas. Haberá desfile e entrega de premios o 14, a presentación e a queima do loro Ravachol os días 16 e 21, o concurso de Murgas durante tres xornadas ou a Mostra da Parodia o venres 20. Ademais o martes 17 será a Festa Pirata cunha noite na que a animación correrá a cargo de King África, que actuará na Praza de España ás 21.30.

Outro dos atractivos do Entroido pontevedrés é a súa imaxe. Este ano o alumnado do Garaxe Hermético reinterpreta a obra de Castelao no cartel e no programa, rendéndolle a súa particular homenaxe co gallo do 75 aniversario do seu pasamento.

O Entroido pecharase coas xornadas organizadas pola Sociedade Antropolóxica Galega durante a fin de semana. O programa completo estará dispoñible na web do concello e en formato físico para o seu reparto.