O concello renovará os lucernarios do Mercado para evitar a luz e a calor sobre o produto fresco

PONTEVEDRA> O concello de Pontevedra investirá medio millón de euros para arranxar unha das principais deficiencias que ten o Mercado: o illamento térmico e lumínico do edificio. A actuación centrarase na renovación dos lucernarios para evitar que a luz solar e a calor afecten aos produtos frescos da planta baixa. Para elo, instalaranse vidros tecnolóxicos de control solar. A intención é que a obra poida rematarse este mesmo ano.

Este 2026, o concello de Pontevedra intervirá no Mercado municipal para solucionar unha das principais eivas do edificio: o illamento térmico e lumínico.

Para elo, investirá algo máis de 500.000 euros nun proxecto dirixido a substituír os lucernarios. A cuberta acristalada mudarase por uns vidros de control solar, capaces de filtrar os raios infravermellos.

Despois, crearase unha segunda pel interior que, ademais de actuar como protección adicional, incorporará unha intervención artística que estará retroiluminada con luz LED.

O concello porá en marcha canto antes o proceso de contratación. O obxectivo é executar as obras este mesmo ano. Teñen un prazo de execución de dous meses e, nun principio, convivirán coa actividade habitual do mercado.

Gulías adiantou que esta é unha intervención máis no Mercado pero non será a última. O goberno local traballa en novas fases do proxecto. A seguinte, dirixida a mellorar a climatización e a ventilación mecánica do edificio.

Con esta renovación dos lucernarios, as actuacións anteriores como a renovación das cámaras ou dos montacargas, e a próxima reforma dos aseos, o investimento no Mercado superará o millón de euros por parte do goberno local neste mandato.