A Mancomunidade aposta polo turismo activo no seu novo vídeo

CAMBADOS> A Mancomunidade do Salnés estende o seu esforzo promocional. O ente presentou un novo vídeo que amosa unha cara diferente da comarca. A peza, elaborada por CANAL RÍAS BAIXAS, recolle as distintas propostas de turismo de experiencias que o viaxeiro pode vivir en O Salnés.

A Mancomunidade do Salnés non abandona o seu esforzo por promocionar o seu atractivo turístico. O ente comarcal presentou un novo vídeo elaborado por esta casa, dirixido a amosar o turismo de vivencias á xuventude e ás familias.

Dende gozar das actividades náuticas, pasando polo sendeirismo, as experiencias a pé de mar ou as enolóxicas. Son algunhas das propostas que a Mancomunidade lanza a este novo público.

O vídeo difundirase polas diferentes canles da Mancomunidade, que tamén o presentará nas feiras e actividades que participe. Ademais, traducirase a seis idiomas, entre eles o chinés. Esta última aposta do ente comarcal está a dar os primeiros resultados e xa hai un touroperador do xigante asiático interesado en comercializar O Salnés como produto.

Tamén no mes de xullo está previsto que visite a comarca unha delegación de touroperadores e empresarios chineses para coñecer sobre o terreo a ampla oferta do Salnés.