Caldas, en nivel vermello ante risco ‘moi elevado’ de inundacións

CALDAS> Alerta máxima en Caldas ante o risco de inundacións pola crecida do Bermaña e o Umia. A Dirección Xeral de Emerxencias emitiu un aviso facendo un chamamento a extremar as precaucións logo de que este mediodía se acadase o nivel vermello na estación Bermaña-Umia, o que se traduce nun alto risco de crecidas. Co Umia xa desbordado en varios puntos, o alcalde fai tamén un chamamento a evitar riscos innecesarios.

Este é o aviso que emitiu a Dirección Xeral de Emerxencias logo de que ás 12:36 horas deste martes a estación de Augas de Galicia de Bermaña-Umia acadase o nivel vermello.

As chuvias non dan tregua, facendo que o nivel do encoro seguise subindo. Con todo, a media tarde, a situación semellaba mellorar. Nas últimas horas foise aliviando auga aos poucos de forma controlada, reducíndose o caudal do Umia. Todo ante a previsión da chegada de novas frontes para este mércores e xoves.

Na vila, a situación do Umia era esta. Rexistráronse xa inundacións no centro urbano, na zona da praia fluvial ou no aparcadoiro de detrás do concello; e tamén en Godos. Salvouse polo de agora a contorna da Tafona, segundo indicaba a media tarde o alcalde a Canal Rías Baixas. Porén, o concello xa prohibiu aparcar alí e mesmo retirar os vehículos estacionados ante a previsión de asolagamentos para os vindeiros días. 

O alcalde fai un chamamento á veciñanza a extremar as precaucións e evitar riscos innecesarios.