Meis propón como solución temporal que os nenos da vila sexan atendidos polo pediatra de Cambados

MEIS> O SERGAS comprométese a estuda-las demandas do Concello de Meis para a mellora da sanidade no municipio. Esta mañá, a alcaldesa mantivo unha reunión co Xerente da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés. Marta Giráldez demandou a reposición dos servizos de pediatría e matroa e a reapertura do consultorio de Paradela. O encontro, segundo a socialista, foi cordial e construtivo.

Meis ten unha longa lista de demandas para a mellora da súa sanidade. Esta mañá, a alcaldesa da localidade mantivo un encontro co xerente da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés para tentar recuperar o antes posible algúns dos servizos que foron suprimidos nos últimos tempos.

O primeiro, a volta do pediatra á localidade. Ante a falta de facultativos que cubran esa praza, a rexedora propón agora que os nenos meisinos vaian ó ambultario de Cambados e non ó de Baltar. Marta Giráldez tamén demandou a recuperación do servizo de matroa.

Porque o espazo é insuficiente logo de deriva-los usuarios do consultorio de Paradela á Rochela. A rexedora demanda a reapertura inmediata das instalacións pechadas dende o inicio da pandemia. Para iso comprométese a que sexa o Concello o que asuma a mellora das instalacións para adaptalas á nova realidade.

O Concello de Meis tiña prevista para mañá unha xuntanza con colectivos sociais, culturais, veciñais e partidos políticos para aborda-la situación da sanidade no municipio. Un encontro que foi cancelado logo de coñerse as novas restricións sanitarias. A idea é que ese documento conxunto sexa logo remitido á Xunta.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí