PONTEVEDRA> Coñecer Pontevedra a través da obra de tres ilustradoras é a proposta que colleu forma na iniciativa ‘Pontevedra Debuxada’. Dan man do concello e de Taller Abierto, Paula Cheshire, Aida Alonso e Natalia Umpiérrez deron forma aos seus propios rueiros. E axudaron á cativada da cidade a facer o propio en tres obradoiros diferentes. O resultado deste traballo poderá verse nunha exposición a partires do 5 de marzo na Casa das Campás.
O cotián de Pontevedra e do seu rueiro pasado polo filtro artístico de tres ilustradoras. É a proposta de ‘Pontevedra Debuxada’.
As encargadas de dar a súa particular visión da cidade son Paula Cheshire, Aida Alonso e Natalia Umpiérrez. Lugares, establecementos e mesmo veciños de Pontevedra recoñecidos por todos teñen o seu oco nestes rueiros artísticos.
Propostas ben diferentes que recollen as súas vivencias, as súas olladas e o estilo que caracteriza a obra de cada autora. Pezas que nacen da intelixencia humana, que tamén quixeron reivindicar fronte a IA.
Estes rueiros e o seu proceso creativo poderán verse na exposición que se abrirá o 5 de marzo na Casa das Campás. Unha mostra que tamén recompilará o resultado dos obradoiros que as ilustradoras realizaron coa cativada da cidade, guiándoa para crear as súas propias pezas.
Estes planos artísticos de Pontevedra estarán a disposición do público na oficina de turismo da avenida Montero Ríos.











