O concello de Noia edita audioguías para visitar os principais recursos turísticos da vila

NOIA> A concellería de Turismo de Noia vén de habilitar unhas audioguías en catro idiomas para facilitar as visitas polo casco histórico. Poden descargarse a través de códigos QR instalados en diversos enclaves emblemáticos da vila.

Noia vén de complementar a súa oferta turísitica coa edición dunhas audioguías que permiten realizar unha visita guiada polos puntos de especial interese do casco histórico permitindo maior flexibilidade que os tours presenciais.

Nesta primeira fase, xa están instalados os códigos QR en 10 puntos da vila. A intención do concello é ampliar esta iniciativa de cara a un futuro incluíndo outros recursos máis afastados como poden ser a cova da Moura iu a contorna da central hidroeléctrica do Tambre.

As guías, editadas en catro idiomas: galego,castelán, inglés e francés, son froito de máis dun ano de traballo recollido na aplicación móbil de turismo. Pretende servir como complemento ó amplo paquete turístico que ofrece o concello con visitas guiadas, servizo de información turística no Casino así como a posibilidade de realizar un percorrido virtual en 3D polo museo de laudas gremiais en Santa María A Nova.